Marching to Zion - trailer in Galician

Video

April 20, 2015

Hai máis de 4000 anos, Deus aparecéuselle a Abraham en Mesopotamia e díxolle "Vaite da túa terra, da túa patria, do teu clan, á terra que eu che mostrarei. Eu farei de ti un pobo grande." Abraham obedeceu ao Señor e chegou á terra prometida de Canaán, onde viviu co seu fillo Isaac e mais o seu neto Xacob, que máis tarde pasaría a chamarse "Israel".

Israel e os seus 12 fillos baixaron a Exipto por mor da fame na terra de Canaán, e alí multiplicáronse e convertíronse nunha grande nación. Os exipcios sentíronse ameazados pola poderosa nación de Israel, que habitaba entre eles, de xeito que os escravizaron e amargáronlles a vida cunha dura opresión. Despois de 430 anos en Exipto, foron liberados da escravitude por Moisés, cruzaron o Mar Rubio e entraron en Arabia, onde recibiron as leis de Deus no monte Sinaí.

Á xeración de israelitas que saíu de Exipto con Moisés non se lle permitiu entrar na terra prometida pola súa falta de fe no Señor. Foron obrigados a vagar polo deserto durante 40 anos, ata que medrou unha nova xeración que tiña fe no Señor e que entrou na terra prometida con Xosué.

Durante 400 anos, as 12 tribos de Israel foron gobernadas polos Xuíces, segundo a lei de Moisés. Cando quixeron ter un rei como todas as outras nacións, Deus nomeou a Xaúl como rei, quen reinou sobre eles durante 40 anos, sucedido polo Rei David, quen reinou 40 anos, e polo fillo de David, Salomón, quen reinou 40 anos. Durante o reinado de Salomón, o reino de Israel viviu a súa época máis gloriosa, e o primeiro templo foi construído, mais o corazón de Salomón afastouse do Señor na súa vellez, e Deus díxolle que 10 das tribos non serían gobernadas polo seu fillo.

Despois da morte de Salomón, dividiuse o reino de Israel, e as 10 tribos do norte foron gobernadas por unha serie de reis impíos, que non descendían de David e Salomón. Este Reino do Norte conservou o nome de Israel, e ao cabo dun tempo estableceu a súa capital en Samaría. O Reino do Sur, máis pequeno, pasou a coñecerse como Xudá, con capital en Xerusalén, onde reinaron os descendentes de David. A partir de 2 Reis 16, ao pobo do Reino do Sur chámaselles "xudeus", xentilicio derivado do reino de Xudá.

Debido á maldade do Reino do Norte, ou Israel, foron conquistados e cativados polos asirios. Os israelitas que ficaron mesturáronse coas nacións pagás que invadían as súas terras. Este pobo chegaría a ser coñecido como os samaritanos, e as 10 tribos do norte de Israel nunca volverían ser unha nación.

O Reino do Sur, ou Xudá, foi levado á catividade a Babilonia, como castigo por serviren a outros deuses, e o templo foi destruído, mais 70 anos despois, os xudeus voltaron a Xudá, reconstruíron o templo de Xerusalén, e o goberno do pobo continuou en mans de reis descendentes de David.

No tempo de Xesús Cristo, a nación de Xudá chamábase Xudea e era gobernada polos romanos. Xesús Cristo e os seus discípulos predicaban o Evanxeo por toda Xudea, buscando as ovellas perdidas da casa de Israel. Despois de tres anos e medio de ministerio, os xudeus rexeitaron a Xesús como Mesías e convenceron ao gobernador romano para que o crucificase. Tres días máis tarde, resucitou de entre os mortos e aparecéuselles vivo aos seus discípulos, antes de ascender e sentarse á man dereita do Pai no Ceo.

Pouco antes de que Xesús fose crucificado, profetizou que, a modo de castigo por rexeitalo, Xerusalén ardería, o templo sería destruído, e os xudeus serían espallados en catividade por todas as nacións. Esta profecía cumpriuse no ano 70 d. C., cando o futuro emperador romano Tito conquistou Xerusalén. Durante máis de 1800 anos, os xudeus permaneceron diseminados por todas as nacións.

Entón, en 1948, aconteceu o imposible. Fundouse o Estado de Israel, e os xudeus de novo posuían a terra prometida. Moitos cristiáns proclaman que é un milagre e unha bendición de Deus, mais foi realmente unha bendición do Señor, ou a actuación dunhas forzas máis escuras? Esta película ten a resposta.

 

 

 

mouseover